O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou hoxe o Conxunto Histórico de Pazos de Arenteiro acompañado pola alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, polos técnicos responsables da obra e pola empresa adxudicataria, coincidindo coa fase final dos traballos que se están a desenvolver neste enclave patrimonial de referencia.

A actuación forma parte do proxecto “Mellora da competitividade do Conxunto Histórico de Pazos de Arenteiro en Boborás”, financiado polo Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU.

O proxecto conta cun investimento total de 2.637.003 euros, financiado ao 100 %, e foi o único aprobado na provincia de Ourense, un dos catro seleccionados en Galicia e un dos 81 beneficiarios en todo o Estado dentro desta liña de axudas destinada á rehabilitación do patrimonio histórico con uso turístico.

Un dos factores determinantes para a concesión desta subvención foi a singularidade de Pazos de Arenteiro, o único conxunto histórico-artístico situado no rural da provincia de Ourense. Ademais, conta coa declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), tanto no seu conxunto como na súa área de protección, unha condición esencial para optar a esta convocatoria destinada á recuperación e valorización do patrimonio histórico.

Tres grandes eixes de actuación

A intervención estrutúrase arredor de tres grandes liñas de traballo.

Rehabilitación dun inmoble municipal

O primeiro eixe contempla a rehabilitación dun inmoble municipal situado no núcleo histórico, que se converterá na futura Oficina de Difusión do Patrimonio de Boborás e da súa contorna. Este novo espazo permitirá reforzar a información turística, divulgar os recursos culturais e naturais do municipio e ofrecer un punto de referencia para visitantes e persoas interesadas no patrimonio local.

Mellora urbana e posta en valor da contorna

O segundo eixe céntrase na renovación urbana do conxunto histórico, mediante a mellora dos pavimentos, a eliminación de barreiras arquitectónicas, o soterramento do cableado aéreo e a retirada de elementos que afectan á imaxe e conservación das fachadas tradicionais.

Dentro desta actuación inclúese tamén a renovación do mobiliario urbano, incorporando elementos máis acordes coa identidade patrimonial e estética de Pazos de Arenteiro.

Eficiencia enerxética e iluminación patrimonial

O terceiro eixe está orientado á mellora da eficiencia enerxética do alumeado público. Para iso estanse substituíndo as luminarias existentes por tecnoloxía LED, renovando os centros de mando e reforzando a iluminación ornamental de elementos patrimoniais emblemáticos, como a igrexa de San Salvador e a ponte sobre o río Avia.

Un impulso para o patrimonio, o turismo e o desenvolvemento rural

Durante a visita, os representantes institucionais e os responsables técnicos puideron comprobar o avanzado estado dos traballos e os últimos detalles dunha intervención que permitirá mellorar a accesibilidade, incrementar a calidade do espazo público, reducir o consumo enerxético e consolidar o patrimonio histórico como motor de turismo sostible e desenvolvemento rural.

Esta actuación supón un importante paso adiante na protección, conservación e dinamización de Pazos de Arenteiro, declarado Conxunto Histórico no ano 1973, e contribúe a reforzar o papel de Boborás como municipio de referencia na recuperación e valorización do patrimonio rural galego.

Con este proxecto, avánzase nun modelo de desenvolvemento que combina conservación patrimonial, sustentabilidade, accesibilidade e dinamización turística, xerando novas oportunidades para o territorio e para a veciñanza.