Bando informativo sobre o uso responsable da auga da traída no Concello de Boborás
A alcaldesa de Boborás, Ana Patricia Torres Madureira, ven de facer público un bando co seguinte contido:
Que, segundo a información trasladada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, atopámonos nunha situación de prealerta por seca.
Unha situación que non só coñecemos a través dos organismos competentes, senón que estamos a comprobar directamente no noso municipio, coa diminución do caudal dos ríos e mananciais e coas primeiras dificultades nalgúns puntos para manter o abastecemento nas condicións habituais.
Aínda que durante o inverno se rexistraron importantes precipitacións, boa parte delas producíronse de maneira intensa e torrencial, facendo que a auga discorrese rapidamente polos ríos sen chegar a infiltrarse suficientemente no terreo. Como consecuencia, os acuíferos non recuperaron as súas reservas na medida que cabería esperar, a pesar da abundancia de choivas rexistrada durante determinados períodos.
Neste momento, algúns dos mananciais dos que se abastecen as nosas traídas presentan unha importante diminución do seu caudal, ao igual que sucede cos cursos de auga do municipio.
Por este motivo, e co obxectivo de previr unha situación máis complicada e evitar ter que adoptar restricións máis severas, dende o Concello de Boborás facemos un chamamento á responsabilidade e á colaboración de toda a veciñanza.
SOLICÍTASE:
Facer un uso responsable da auga da traída municipal, destinándoa exclusivamente aos usos domésticos esenciais, como:
* Beber e cociñar.
* Hixiene persoal.
* Limpeza da vivenda.
* Lavado da roupa.
* Demais necesidades domésticas básicas.
LEMBRAMOS QUE NON ESTÁ PERMITIDO
Empregar a auga procedente da traída municipal para regar hortas, xardíns ou fincas, encher ou renovar a auga de piscinas privadas, nin para outros usos non esenciais que impliquen un consumo elevado de auga.
Neste momento debemos priorizar o abastecemento de auga á poboación e garantir que todos os fogares poidan dispoñer deste recurso para cubrir as súas necesidades básicas.
Estamos ante unha situación de prealerta e precisamente por iso é agora cando debemos actuar. O obxectivo destas medidas é anticiparnos e evitar chegar a escenarios nos que sexa necesario establecer cortes ou restricións máis importantes.
A auga é un recurso esencial e, nestes momentos, limitado. O compromiso de todos é fundamental e cada pequeno xesto conta.
Agradecemos a comprensión, colaboración e responsabilidade de toda a veciñanza.
Descarga aquí o bando 20260811_Comunicación_Comunicado_BANDO CONTROL USO AUGA TRAIDA.




