DESCOBRE MOLDES
Formada por: A Groba, A Laxa, Miandreiras, Moldes, Nonás, Paradela, Ponterriza e O Porto do Carro.
Antiga escola de planta rectangular, muros de cadeirado granítico con ocos simétricos tomando como eixe a porta central, cuberta a catro augas de tella. O seu carón ten un cuberto con cinco vanos formados con pilastras de pedra que soportan unha cuberta de madeira e tella do pais. Apreciase cun distes vanos, o mais próximo a escola, foi pechado posteriormente con muros de pedra a modo de almacén de aparellos.
Na parroquia de Moldes tamén hai unha igrexa de construcción máis recente que se ubica nas proximidades da Carballeira e que se coñece polo nome de Igrexa de San Benito de Moldes. Trátase dunha igrexa de planta rectangular moi alongada con nave única. Presbiterio mais elevado e peche de muros de bo cadeirado granítico. Na fachada principal atopamos unha porta con lintel e un oco circular sobre ela. As esquinas con decoración escultórica de pináculos con bolas e espadana superior de dobre corpo e dobre arcada no primeiro deles. Cubertas a catro e tres augas de tella. As celebracións liturxicas habituais da parroquia celebranse no interior da mesma.
A igrexa románica de San Mamede de Moldes elevase sobre a cima dun antigo castro. É de estilo románico e data de finais do século XII e comezos do XIII. Consta dunha nave rectangular alongada cuberta con bóveda de cañón. A decoración concéntrase na fachada principal e nos aleiros da nave e a ábsida. Na fachada principal ábrese unha decorada porta pola que s accede ó interior da Igrexa, composta por dúas arquivoltas de arcos rematados por unha chambrana de dúas ordes de follas. Adosada ao muro sur da igreza aparece unha capela cuxa estrutura exterior indica que a súa construcción foi posteior, como de pode comprobar no mesmo interior. Na mesma repousa os restos do escritor e pensador galego Antón Losada Diéguez oriundo de Moldes.
O tímpano apóiase en sinxelas mochetas e no seu interior hai unha cruz latina de cor vermella que vincula a igrexa coa Orde do Temple. O resto da decoración dispionse pola beira da nave e a capela maior, a base de nicelos que debuxan figuras xeométricas. O interior non amosa excesivo interese artístico, destacando o gran arco triunfal, de corte oxival, que busca apoio en columnas. Foi declarada Monumento por Decreto o 5 de Abril do 1946. (BOE do 05/05/46).
Situado o nordeste do núcleo de Moldes e da Igrexa de San Mamede. Muíño hidráulico de cinco infernos, xambas decoradas con cruces e unha “S”, posiblemente nos está a indicar a súa pertenza ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes. Ten outra inscrición ilexible no lintel nun dos infernos. Mide 17m de longo por 4m de ancho e ten unha altura de 3m. Tellado de tella a dúas augas e fábrica de cachotería granítica. Foi declarado Monumento por Orde Ministerial do 30 de Novembro de 1976. (BOE do 10/01/77).
Ubicada nun recuncho paixasístico de incalculable valor, érguese sobre o Río Arenteiro servindo de unión aos concellos do Carballiño e de Boborás. Servía de paso a un antigo camiño que conducía cara Castro Cavadoso e Moldes. É de época probablemente medieval, está construído a base de sillería e presenta un só arco de medio punto que apoia na propia rocha e deseña unha gran luz. A calzada atópase enlousada e cun lixeiro alombamento para liberar as augas residuais, e evitar deste xeito a súa permeabilidade e contacto co propio arco. Presenta un bo estado de conservación.
O Pazo Losada, pertencente a familia do escritor Antón Losada Diéguez, conserva a estrutura inicial ainda que con algunha ampliación posterior. Dentro do mesmo recinto atopase unha pequena capela.
No seu interior ainda se pode ver como era en tempos pasados conservando os mobles, cadros e pezas antigas.
Un dos espazos máis destacables é a biblioteca persoal de Antón Losada Diéguez na que se encontran documentos inéditos como unhas cartas de Castelao ao intelectual de Moldes.
No balcón exterior do Pazo é onde tódolos anos polo mes de xuño ten lugar a entrega do premio Antón Losada Diéguez que convocan os concellos de Boborás e O Carballiño xunto coa Deputación de Ourense.
O Pazo Tizón data do século XVI, ubícase no extremo dunha gran finca cruzada por un camiño veciñal sobre o que colga unha ponte.
A planta do edificio é case cadrada e a fachada principal disponse nun dos lados curtos. A casa e o patio atópanse rodeados por un impoñente muro de pedra que envolve a tódala finca, plantada de vides, e no cal se abre un enorme portalón de entrada con arco de medio punto realizado a base de grandes dovelas. A capela ten dimensións pequenas e planta rectangular, con teitume a dúas augas, espadana con campana e remate de cruz de ferro, e sobre a porta adintelada o escudo dos Tizón. A fachada principal presenta unha soa altura debido ao desnivel do terreo, con ampla solaina corrida sen teitume á que se accede mediante unha pequena escaleira de seia peldaños. A barandela desta solaina é de granito macizo, abríndose a elas tres portas de aire polas que se accede ó Pazo.
A fachada sur amósase recorrida por unha solaina tosca, estreita, remodelada en madeira, con ménsula de pedra, canzorros lisos e teitume de madeira. Atópase en bo estado de conservación, logo de ser recentemente restaurado. Nestes momentos ademais de ser unha vivenda é a sede da adega Pazo Tizón adscrita a Denominación de Orixe do Ribeiro.
Neste enlace pódese visitar o portal web da mesma www.pazotizon.com