Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos en vivendas situadas en Galicia por parte de persoas físicas que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.

Actuacións que se subvencionan .

1. As actuacións que se subvencionan son a renovación de electrodomésticos en vivendas sitas na Comunidade autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

Son subvencionables a substitución de electrodomésticos das tipoloxías indicadas na seguinte táboa por outros novos da mesma tipoloxía e con etiqueta de clasificación enerxética establecidos na mesma táboa, segundo a clasificación vixente a partir de marzo de 2021 (Regulamento (UE) 2017/1369 do Parlamento Europeo e do Consello). No caso das placas de cociña, é subvencionable a substitución da placa preexistente de calquera tecnoloxía por outra nova de indución total (placas que teñan soamente tecnoloxía de indución, non mixtas). Para acceder á subvención hai que entregar o electrodoméstico retirado a un xestor autorizado.

Electrodomésticos subvencionables

Frigorífico e frigorífico-conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D

Conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D

Lavadora A, B ou C

Lavalouza A, B ou C

Placas de cociña de indución total (soamente tecnoloxía de indución, non mixtas)

2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados dentro do prazo para a execución da instalación establecido no artigo 24 das bases reguladoras.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado nin o importe da subvención superar o custo do equipamento.

3. As solicitudes para a renovación de electrodomésticos presentaranse a través das entidades colaboradoras.

A quen vai dirixido?

As persoas físicas que realicen algunha das actuacións establecidas no artigo 3 destas bases reguladoras nunha vivenda sita na Comunidade Autónoma de Galicia.

Obrigas das persoas beneficiarias .

1. Son obrigas das persoas beneficiarias as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Xustificar ante o Inega, a través da entidade colaboradora, cando proceda, que cumpre cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Acreditar ante a entidade colaboradora, con anterioridade á presentación da solicitude da axuda, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado tal e como se establece no artigo 16 destas bases reguladoras.

e) Cando non poida executar o proxecto, deberá desistir da súa solicitude.

f) O beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento, polo menos, os dous (2) anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Toda referencia ás actuacións subvencionadas en publicacións, actividades de difusión, páxinas web e, en xeral, calquera medio de difusión deberán incluír o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas que realicen algunha das actuacións establecidas no artigo 3 destas bases reguladoras nunha vivenda sita na Comunidade Autónoma de Galicia. Para ser beneficiario terá que tramitar a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na lista que se publique na páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir, o máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Prazo

Prazo de presentación: 20/04/2021 – 30/09/2021

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 20 de abril de 2021 ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2021 ou cando se esgoten os fondos.

A onde acudir

Xunta de Galicia

Vicepresidencia 2ª e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

R/ Avelino Pousa Antelo, 5 San Lázaro

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541500

Fax: 981541515

Email: inega.info@xunta.gal

www.inega.gal

Presencialmente,previa cita no teléfono 981541500