O Concello de Boborás aprobou hoxe por unanimidade a eliminación da débeda con bancos a través dunha modificación orzamentaria na que se incorporou do remanente de tesourería 184.913,54 euros. Desta maneira para este 2017, Boborás pasará a ser un dos concellos de Galicia con débeda 0. A esta cantidade hai que sumarlle a xa reservada no orzamento para este ano, que eran 66.000 euros dos cales parte xa foron amortizados ao longo deste ano.

Para o grupo de goberno este paso supón unha proba máis da saúde financeira do organismo, que paga en prazo tanto aos seu provedores coma a outras administracións nas que están incluída como o caso das Mancomunidades.

Outro dos puntos que se abordaron neste pleno foi modificación da taxa da auga, que foi aprobada con 6 votos do PP, a abstención de Xuntos por Boborás e os votos en contra de de Move Boborás. Na proposta da alcaldía, eliminábase o cuarto tramo de cobro que era de 5 euros para as actividades domésticas e de 6 euros para as industriais e hoteleiras, turismo rural, comercios. Ademais no tramo 2º, o concello amplia de 50 a 60 m3 de consumo.

Por outra banda, o pleno tamén aprobou o plan estratéxico de subvencións para o 2017, 2018 e 2019 por unanimidade. Serán a Banda de Gaitas, a asociación de pescadores, a de caza, o equipo de fútbol sala de Boborás, a Anpa, as emerxencias sociais, o cheque bebé os colectivos beneficiados, que xa estaban incluídos anteriormente, coa incorporación das axudas para material escolar para as etapas escolar de infantil, primaria e a E.S.O.

Tamén se aprobou cos votos a favor do Partido Popular da ordenanza sobre o transporte madeireiro nas estradas municipais. O grupo de goberno entende preciso regularizar esta actividades para controlar o dano sobre os viais locais. Deste xeito as empresas madeireiras terán que facer unha comunicación previa sobre a tala e depositar unha garantía segundo a tonelaxe a transportar sendo os importes dende os 150 euros a partir das 20 toneladas ata aos 3.000 euros para máis de 1.000 toneladas. Será o arquitecto municipal o que valore o estado dos viarios afectados antes da actividade e despois da mesma para definir os danos nas mesmas, de non haber ningunha consecuencia sobre as estradas, a garantía será devolta integramente.

A conta xeral 2016 tamén foi aprobada unicamente cos votos do grupo de goberno, neste caso a portavoz alegou que fora aprobada na Comisión de Contas, non tivo ningunha alegación e cumpre tanto a estabilidade orzamentaria como a regra de gasto deixando un resultado positivo de 208.000 euros.

No canto dos festivos locais para o 2018 quedaron determinados coma sempre os 13 de xuño; San Antón e o 19 de setembro; A Saleta.

Por outra banda e cos votos do PP tamén se aprobou unha modificación de crédito por valor de 20.000 euros para acometer obras de mellora nas seguintes estradas; Cardelle, Brués-Pontevella, acceso á Ponterriza e núcleo, acceso a Vilachá e estrada Brués a Balboa. Estas obras serán acometidas pola Brigada de obras da Deputación de Ourense, quen valorou os traballos en 36.828,08 euros dos que o Concello de Boborás terá que aportar o correspondente ao material de construción que ascende a 17.831,66 euros.

Finalmente tamén se elixiu por unanimidade o nomeamento da xuíza de paz de Boborás, que será Ana María Gómez Pena.