O Concello de Boborás celebrou hoxe un pleno extraordinario no que se aprobaron os orzamentos para o 2018, a adhesión como Concello Doing Bussines Galicia, o Plan Normativo Anual e a creación dunha Agrupación de Protección Civil.

O orzamento foi aprobado soamente cos votos a favor do grupo de goberno, durante a súa defensa a portavoz popular; Patricia Torres explicou que “presentamos e defendemos uns orzamentos axustados e realistas. Aprobados con superávit para que xa de por si cumpran coa regra de gasto. A previsión de ingresos é de 1.497.454,19 euros e a de gastos 1.455.191,77 euros.”

Así mesmo recalcou que son “uns orzamentos que segundo o informe de intervención cumpren estabilidade orzamentaria, regra de gasto e co limite de endebedamento que se establece para as institucións locais, no que imos máis que sobrados ao ter débeda 0”, apuntou Torres.

Neste sentido explicou Patricia Torres que “aumentamos as inversións, que ascenden a un total 231.645,83 euros, o ano pasado eran de 194.496 euros,  sen incluír todas as subvencións que están en trámite e que melloraran as infraestruturas existentes e faranse outras novas. Con estes orzamentos mantemos todos os servizos prestados ata o de agora, servizos de vital importancia para a nosa veciñanza.”

En canto os ingresos a portavoz do grupo de goberno indicou que “ os ingresos cos que contamos son principalmente os procedentes do Imposto de Bens e Inmobles, con 282.000 euros, o Importo de Vehículos de Tracción Mecánica con 109.000 euros, o Imposto de Actividades Económicas con 85.000 euros, saneamento e abastecemento 150.000 euros, recollida de lixo 99.000 euros, Imposto sobre o Aproveitamento do voo: 12.000 euros e as transferencias da Administración do Estado con 416.854 euros e da Comunidade Autónoma con 225.000 euros. A maiores de subvencións que xa ingresan todos los anos como o Plan Provincial, subvención de empregabilidade, mocidade, subvencións da xunta e da deputación para o PAI.”

O grupo de goberno considera que a aprobación deste documento é moi importante para seguir traballando e mellorando o Concello de Boborás, e a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas.

Así mesmo durante a sesión plenaria, tamén se aprobou por unanimidade o Plan Anual Normativo no que se inclúen todas as areas e ordenanzas que van ser modificadas ao longo do ano 2018. Neste punto, o grupo de Goberno desvelou que están a traballar para facer unha nova baixa no tipo impositivo nos recibos dos Impostos de Bens e Inmobles, que nestes momentos se sitúa no 0,47.

Na mesma liña ía o punto da orde do día na que o Concello incoaba o expediente de adhesión a plataforma da Xunta de Galicia, “Concello Doing Bussines” coa que implicaba tamén a modificación das ordenanzas do ICIO, IAE e IBI para a empresas de nova creación ou ampliación das existentes, sempre que supoñan aumento do emprego, que suporían bonificacións nos mesmos do 95% da mesma cando se creen máis de 20 postos de traballo, do 75% cando sexan entre 10 e 20 postos de emprego e o 50 % cando sexan menos de 10. O Concello que nestes momentos non ten area empresarial, tamén se adhire para poder desfrutar dos beneficios que a Xunta a hora de tramitar subvencións lle concede as concellos adheridos.

Finalmente, o Concello por unanimidade aprobou iniciar o expediente de creación dunha Agrupación de Protección Civil no Concello de Boborás, un servizo voluntario e moi preciso para mellorar a seguridade da veciñanza en diferentes ámbitos. Neste sentido o Concello ten xa varias persoas interesadas en formar parte desta entidade.