O Castro de Cameixa no municipio de Boborás volve a ser obxecto de escavación durante un mes, por terceiro ano consecutivo, grazas a dotación orzamentaria por parte da Axencia de Turismo de Galicia da Consellería de Cultura da Xunta, cun coste total dos traballos de 12.000 euros, a petición do grupo de goberno do concello.

Desta maneira, o equipo de arqueólogos e restauradora, dirixidos por Jorge Lamas comezaron xa nesta semana cos traballos de escavación e posta en valor do xacemento arqueolóxico, seguindo o xa descuberto nas dúas temporadas anteriores.

Ata o momento, as zonas do Castro que se escavaron formaban parte do xa explorado entre os anos 1944 e 1946 por Florentino López Cuevillas e o Xocas, polo que se descubriron as estruturas que xa no seu día foran atopabas pero tapadas de novo, a petición do propietario da parcela. Nesta ocasión, os traballos centraranse nunha zona nova, polo que a expectación polos posibles descubrimentos é maior ante as sorpresas que se poidan atopar.

Lamas, o arqueólogo director, afirma “esperamos que esta campaña sexa frutífera en canto o achado de novas estruturas e materiais arqueolóxicos que supoñan un avance no coñecemento do xacemento”. Pola súa parte a alcaldesa, Patricia Torres, explica que “coma tódolos anos estamos expectantes ante o que poida aparecer, sen dúbida reforza o coñecemento do noso pasado e tamén incrementa o atractivo turístico e cultural do noso municipio.”

Nas campañas anterior, apareceron 6 metros de muralla, os restos dunha casa de palla barro, varios fogares, dúas vivendas (unha circular e outra cuadrangular) e restos de cerámica, así como fíbulas que formaban parte da vestimenta dos que alí viviron entre os anos VI a.C. e I d.C. que foi o período de ocupación do Castro.