DESCUBRE AS SÚAS CURIOSIDADES
O Concello de Boborás foi poboado dende o moi antigo e as primeiras pegadas do home xa datan dende o Paleolítico. Por iso, son moitas as curiosidades deste concello. Neste apartado amosaremos cada unha delas.
ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ
Fidalgo de Moldes. Procedía dunha familia de forte tradición carlista, e que ó longo da súa curta vida( morreu con tan só 45 anos), destacou en dous aspectos moi importantes do seu tempo: o agrarismo e o galeguismo.
LER MÁIS
Con 23 anos xa falaba de crear un Partido Católico.
Trala morte da súa nai, trasladouse co seu pai á Estrada, zona onde concentraría gran parte da súa actividade.
A súa iniciación no agrarismo ten lugar en torno ó ano 1907.
Dende principios de século na Estrada, os católicos estaban perdendo o dominio no campo dende que varias sociedades de agricultores iniciaran unha resistencia ó pago das oblatas ás parroquias e un apoio en favor da campaña republicana sobre os cemiterios civís. Isto provoca unha lóxica contraofensiva católica, dirixida no ámbito segrar polo seu propio pai, Miguel Losada Losada, notario, redactor e editorialista de "El Estradense", que vai encamiña-la súa principal actuación a intentar organizar ó campesiñado en sociedades.
Losada pronto acapara o protagonismo propagandístico, participando en numerosos mitins e tamén escribindo artigos no xornal. Aquí Losada Diéguez busca uns modelos de organización do campesiñado con base no catolicismo, sen apenas tradición en España.
Como consecuencia desta actuación, xorden as primeiras sociedades agrícolas da Estrada.
Un feito clave no éxito de tales asociacións era o seu carácter agrícola e a ausencia dos párrocos das mesmas.
No ano 1919 Losada Diéguez trasládase a Pontevedra, para galeguiza-lo modelo agrario que creara anos antes.
Non espallou estas ideas pola súa terra de Moldes, debido por un lado á presenza de Basilio Álvarez , co seu agrarismo radical, e por outra, á preponderancia no sindicalismo do elemento clerical sobre o segrar. Por isto, Losada dedícase con máis empeño a cuestión político-cultural das Irmandades da Fala, destacando tamén a forte entrada na política ourensá de José Calvo Sotelo. A partir de 1919, O Carballiño será unha zona dominada polo calvosotelismo.
Dous feitos principais e ambos internacionais serán básicos no seu percorrer vital: a Primeira Guerra Mundial ( 1914-1919). A derrota xermana ( a súa familia era xermana), o auxe do liberalismo, a pugna socialista e, especialmente a Revolución Rusa, serán fundamentais serán fundamentais para a súa incorporación ó movemento nacionalista das Irmandades da Fala e o seu froito máis destacado, a Revista Nós.
Recoñecementos: Homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1985.
MANUEL CHAMOSO LAMAS
Nado na Habana o 16 de maio de 1909 e falecido na Coruña o 24 de abril de 1985, foi un arqueólogo e escritor galego. Chamoso naceu na Habana, fillo de emigrantes, pero dende os catro anos residiu en Galicia na casa petrucial de Moldes, a carón do pazo de Losada Diéguez, quen lle deu clase.
LER MÁIS
Cursou o bacharelato no instituto de Pontevedra, onde recibiu clases de debuxo de Castelao. Obtivo o doutoramento de Filosofía e Letras e Direito en Compostela e Madrid, onde foi alumno de Eugenio D'Ors e Ortega y Gasset.
Ao estalar a Guerra civil entra en filas, incorporandose ao "Servicio Militar de Recuperación" nos frentes de Madrid e Levante cunha misión que consistía na recuperación do Patrimonio Cultural.
Ao finalizar a guerra dedícase á recuperación dos tesouros do patrimonio artístico xunto con Graciano Macarrón, o marqués de Lozoya, e o que logo sería o arquitecto do Valle dos Caídos, Muguruza.
No ano 1940 ratifícase a Chamoso como "Delegado Inspector General de los Depósoitos dependientes del Servicio de Recuperación". No 1945 pasa a ser Comisario da "I Zona do Servicio de Defensa del Patrimonio Artístico", que inclúe León, Asturias e Galicia.
Realizou escavacións arqueolóxicas nas minas de ouro romanas de Barbantes, no seu inmediato Castro de San Cibrao de Las, en Santa Mariña de Augas Santas de Allariz, na Catedral de Santiago (1946-1959), para atopar a lauda do bispo iriense Teodomiro e verificar aspectos da lenda da aparición do sartego do Apóstolo.
Dende 1967 dirixiu o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, do que foi fundador.
En 1977 e dentro da reordenación do Ministerio de Cultura feita por Pío Cabanillas, foi nomeado Subdirector General de Patrimonio Artístico, cargo ao que renunciou ao cabo dun ano.
Manuel Chamoso Lamas foi presidente da Real Academia de Belas Artes da Coruña e membro da Real Academia Galega e do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.
Publicou máis dun centenar de traballos sobre arte galega en revistas e coleccións especilizadas.
Entre os seus libros destacan:
- Ribadavia, 1951.
- La arquitectura barroca en Galicia, 1955.
- Pórtico de las Platerias de Santiago de Compostela, 1964.
- La Catedral de Santiago de Compostela, 1976.
- Escultura funeraria en Galicia, 1979.
- La Catedral de Orense, 1980.
- Guía de Tuy, 1981.
- Itinerario monumental y artístico de Galicia, 1982.
- La Catedral de Lugo, 1983.
Premios
- Fillo adoptivo de Ribadavia, Pontevedra e Tui.
- Medalla de Prata da Cidade de Compostela.
- Medallas de Prata e Ouro do Mérito as Belas Artes.
MARI LAURA GONZÁLEZ GONZÁLEZ
Máis coñecida como MARET, nada en Cameixa (Boborás) o 6 de outubro de 1986, é unha cantante galega que na actualidade se atopa gravando un disco en México.
LER MÁIS
Seu pai oriundo de Liñariños (Boborás) toca o acordeón nunha charanga, o que fixo que convivira coa música dende pequena.
Loitadora desde pequena, gústalle aparecer na televisión: xa con 11 anos participou en concursos como o Tequelexou. Admiradora de Ana Kiro,cantou en Tardes con Ana, o emblemático talk-show da Televisión de Galicia. En 2008 foi finalista en Factor X, un concurso da canle Cuatro de televisión para buscar novos valores da canción.
Gañadora da 1ª edición de Recantos, concurso de cantantes no programa Luar da Televisión de Galicia. Dende outubro do 2010 ata xullo do 2011 competiron 20 concursantes representando a outros tantos recantos de Galicia, incluíndo a emigración. Maret foi a representante do Ribeiro. Ademais de posuír unha voz potente, afinada e cunha importante tesitura, destacaron as súas interpretacións emocionantes dominando o escenario. Revelouse tamén como a máis enxebre dos recanteiros, experta no repertorio das orquestras e das coplas populares, con moito sentido do humor, conversadora infatigable, sempre disposta a animar unha festa. Grazas á votación popular mediante chamadas telefónicas conseguiu promocionar á segunda fase do concurso, na que o xurado foi outorgándolle as notas máis altas ata conseguir o único triple 10 de todo o certame.
Defensora comprometida da nosa lingua, foi pregoeira do Correlingua de 2011 animando aos rapaces a utilizar o galego nas redes sociais.
Ten publicado un disco titulado Maret no que interpreta temas con letras escritas por ela mesma.
A súa estrea como cantante profesional na televisión foi na Gala Especial do Apóstolo da TVG o 24 de xullo de 2011. Como presentadora, conduciu o programa Luar da TVG xunto a Xosé Ramón Gayoso durante a tempada 2011 -2012.XESÚS SOUTO PRIETO
Nado en Albarellos (Boborás) o 19 de xaneiro de 1942, é un xuíz galego e actual membro do Tribunal Supremo de España.
LER MÁIS
Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, aproba oposicións a xuíz e faise cargo dos xulgados de primeira instancia de Bande, Corcubión, Berja e Ponteareas. En 1979 pasa ao corpo de maxistrados de traballo con destinos primeiro en Santander e logo (1984) Pontevedra. Ademais, dende 1987 e 1991 exerce en paralelo como maxistrado do Tribunal Central de Traballo. En 1991 é nomeado maxistrado da sala do social do TSXG, onde toma posesión o 28 de xuño. O 19 de novembro de 1999 toma posesión do cargo como presidente do máximo tribunal galego, onde renova en 2004 por un período de cinco anos máis.
Porén, en febreiro de 2006 é designado presidente da Sala do Social do Tribunal Supremo, co que abandona o cargo galego. Pertence á Asociación Profesional da Maxistratura, de carácter conservador.
Foi profesor da Universidade de Santander e da UNED de Pontevedra, e actualmente exerce como docente na Universidade da Coruña.
En 2005 foi nomeado fillo predilecto do concello de Boborás.
ANTÓN ALONSO RÍOS
Nado en Camporrapado (Cortegada, Silleda) o 15 de agosto de 1887 e finado en Buenos Aires en novembro de 1980, foi un mestre, escritor, líder agrarista e político galego que presidiu o Consello de Galiza. Durante os tres anos que durou a Guerra civil fíxose pasar polo “Siñor Afranio” e foi mendigo, traballou nas colleitas e foi criado de casa. Conseguiu sobrevivir asemade que foi vendo como os seus amigos e compañeiros foron apresados, torturados e asasinados.