O Concello de Boborás organiza xunto coa colaboración da Asociación Fotográfica “O Potiños”, o seu terceiro concurso fotográfico baixo o título “Boborás, arte e natureza”, sendo esta a terceira edición e cunha moi boa participación na primeira  e na segunda convocatoria.

Cuns premios de 300, 200 e 100 euros para os tres gañadores, trátase dunha actividade máis para dar a coñecer o noso concello, de grande interese tanto natural como patrimonial, aos participantes do concurso como para quen posteriormente desfruten das fotos finais nas exposicións que despois da finalización do mesmo se poñan en marcha ademais da súa publicación en diversos traballos de difusión cultural e turística nas que traballa o Concello de Boborás.

Ademais tamén haberá tres accésit de recoñecemento para as seguintes tres mellores fotos que elixa o xurado.

 

A continuación podes ver as BASES:

1-Obxectivo e participantes

Poderán participar todas as persoas, profesionais ou afeccionados á fotografía que o desexen, sen límite de idade.

2-Tema

Cada participante no concurso poderá remitir ata un total de tres fotografías en formato papel e as mesmas fotografías en formato dixital nun dvd ou cd adicional, tendo en conta que a temática do concurso está relacionada con todo o territorio do Concello de Boborás.

-O tema fotográfico concrétase no lema “BOBORÁS, ARTE E NATUREZA” e ten como finalidade resaltar os valores naturais, paisaxísticos, artísticos, culturais, sociais, populares, deportivos, celebracións, festas, etc… en definitiva, toda temática positiva relacionada co Concello de Boborás.

3-Modalidade e presentación

As fotografías deberán presentarse en formato papel e tamaño mínimo de 20×30 cm, e máximo de 50×60, sen marcos nin soportes, nin marcas de auga adicionais. Igualmente acompañaranse en un cd ou dvd as mesmas fotos en soporte dixital e formato jpg ou jpeg, sen comprimir e cos mesmos títulos que leven en soporte gráfico e 300 ppp de resolución.

Todas as fotografías en papel deben levar un título ou referencia por detrás, como única anotación e cos mesmos títulos serán presentadas en cd ou dvd. En sobre aparte, en un folio deberán figurar a relación das fotos, así como os datos do autor con nome, apelidos, número do dni e enderezo, teléfono de contacto ou e-mail.

Non se aceptarán excesos nos tamaños prefixados, nin retoques artísticos adicionais nas imaxes, máis aló do brillo e o contraste, así como tampouco fotomontaxes, nin marcas de auga, ou calquera outra indicación que poida desvelar a titularidade ou autoría da obra.

4-Lugar e prazo de presentación

As fotografías en papel e soporte dixital irán en un sobre ou bolsa-cartón e xunto cos datos persoais, envialos ou presentalos no seguinte enderezo:

Concello de Boborás – Rúa Cristóbal Colón, s.n. – C.P. 32514 – Boborás (Ourense) -.

O prazo de recepción dos sobres estará aberto ata o día 31 de maio do 2018. Nos envíos postais será referencia a data do cuño postal.

5-O xurado e os premios

O Xurado do concurso estará integrado por número impar de membros, mínimo tres e máximo cinco persoas, con representación do Concello, dos artistas locais e máis do ámbito da Asociación Fotográfica “O Potiños” de O Carballiño, como entidade colaboradora. Fará da secretario o propio do Concello de Boborás.

a)-Establécense tres premios para as tres mellores fotos seleccionadas, con contías de 300,- €, 200,- € e 100,-€ respectivamente, non podendo ser acumulables os premios nunha mesma persoa. O acto de entrega que será o domingo 1 de xullo de 2018, ás 11.30 horas na Aldea Rural de Pazos de Arenteiro.

b)-O Xurado poderá elixir ata un máximo de tres accésits entre as fotos restantes, sendo estas sen premio metálico pero coa citada mención ó accésit e cun recoñecemento en papel.

c)-O fallo do Xurado é inapelable e poderá declarar deserto algún premio si así o xustificase.

O Xurado dará a coñecer a súa decisión en un prazo de quince días a partir da data tope de entrega dos traballos presentados, ou sexa o 15 de xuño de 2018, séndolles comunicados os premios ós gañadores. As fotografías poderán verse nas páxinas web do Concello de Boborás.

Todos/as os concursantes declaran que as fotos que presentan son orixinais e non foron presentadas a outros concursos, así como non publicadas con anterioridade ó fallo deste xurado en ningún medio, sexa gráfico ou dixital, asemade garantirán que as fotos son propiedade de quen as presenta e ceden os dereitos de reprodución das fotografías para a súa publicación na web ou publicación gráfica a editar ó respecto, poñendo como único requisito citar o nome do autor. As fotos presentadas ó concurso servirán de base para unha exposición itinerante.

A participación no concurso implica a aceptación total destas bases e máis do fallo inapelable do Xurado, sendo facultade exclusiva do mesmo calquera interpretación ó respecto.

6- Exposición de fotografías e devolución de orixinais.

A organización deste concurso fotográfico “Boborás, Arte e Natureza”, realizará unha exposición con un máximo de 20 fotografías das presentadas a concurso, que se poderá visitar en diversas datas e lugares, segundo calendario elaborado ó respecto por a organización para o ano 2018, inicialmente no Concello de Boborás e con posterioridade incorporarase á programación da A.F. “O Potiños”, tanto a nivel nacional como do estranxeiro e segundo o calendario oportuno, finalizado o cal, as fotos non premiadas, poderán ser recollidas nas dependencias do Concello de Boborás, previa acreditación oportuna.