Concello e Asociación Cultural anuncia a suspesión da Festa “1809. A Batalla” por mor do COVID-19
O Concello de Boborás e a Asociación Cultural “1809 A Batalla” comunican a decisión da suspensión da que sería a IV edición da festa “1809. A Batalla” que se ía celebrar o primeiro fin de semana de xullo en Pazos de Arenteiro, Boborás.
A crise do Covid-19 afectou o desenvolvemento normal dos preparativos desta festa, xa que nos meses previos era habitual levar a cabo os traballos de organización da mesma, que non só incluían a preparación das escenas, senón que tamén a adecuación e mellora do vestiario, a decoración e a programación, que dada esta situación é imposible.
A opción do aprazamento foi unha posibilidade que tamén se barallou mentres se tomaba esta decisión, pero debido a incerteza actual e sen coñecer cal será o desenvolvemento dos acontecementos derivados desta crise sanitaria e as medidas que se van a levar a cabo para a volta á normalidade, decidimos que a mellor opción era a cancelación deste evento festivo e cultural.
Así é que, con moita pena e agardando principalmente que todo volva á normalidade e se controle esta situación sanitaria, dende a organización esperamos que canto antes se poida comezar cos preparativos do vindeiro ano, con máis forza se cabe.