ACTA DO FALLO DO XXXIII EDICIÓN DO PREMIO ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ

 

Na casa do Concello de Boborás, sendo as once horas e once minutos do día vinteoito de abril de 2018, reúnese segundo o previsto nas Bases o Xurado para fallalo PREMIO ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ na súa XXXIII EDICIÓN, composto polos seguintes membros.

 

PRESIDENTA:

– Dona Ana Patricia Torres Madureira, concelleira de Cultura de Boborás

VOGAIS:

– D. Diego Fernández Nogueira, concelleiro de Cultura do Concello do Carballiño

– D.  Manuel Doval Soto, deputado de Cultura da Deputación de Ourense

– Dona María Xesús Pato Díaz, representante da Real Academia Galega

– D. Francisco Calo Lourido, representante do Museo do Pobo Galego

– D. Pegerto Fernández Saavedra, representante do Concello da Cultura Galega

– Dona María Teresa López Fernández, representante da Universidade da Coruña

– D. Xosé Manuel Salgado Rodríguez, representante da Universidade de Santiago de Compostela

 

SECRETARIO:

  • Jorge Moreno Martín-Caloto, secretario do Concello de Boborás.

NON ASISTE:

  • Xosé Henrique Costas González, represente da Universidade de Vigo.

 

 

Despois do saúdo aos membros do xurado por parte da Concelleira de Cultura do Concello de Boborás, presidenta do xurado, declarase aberta a sesión.

Seguidamente procedese polo xurado a deliberar sobre as obras presentadas e admitidas segundos as bases, separando as de Creación Literaria e as de Investigación e Ensaio.

INVESTIGACIÓN E ENSAIO

Polos membros do xurado analízanse unha e cada unha das obras que se incluíron no campo de investigación e ensaio.

O xurado, despois dun intenso debate dada a calidade das obras presentadas decidiu por maioría conceder o premio a seguinte obra:

“MANUEL ANTONIO. UNHA VIDA DE REBELDÍA”

AUTOR: XOSÉ LUIS AXEITOS

EDITORIAL: XERAIS

 

Xustificación:

“Unha achega moi ben definida: á vida do poeta rianxeiro, analizada por un investigador de grande altura que leva moitos anos dedicado a desvelar o misterio do autor recoñecido dende sempre, pero non sempre ben coñecido. Con este libro o profesor Axeitos culmina o seu proxecto de presentarnos a Manuel Antonio, o poeta vangardista e o cidadán liberado de convencionalismo, tal cal foi, sempre á procura da liberdade.

É o ramo a edición completa da obra de Manuel Antonio. Un traballo filolóxico monumental. Extraordinario traballo de investigación nos diversos campos e no que prima o selo contrastado sobre calquera especulación.

Achega unha extraordinaria información sobre o autor, familia, contexto, formación, escola de náutica e navegación, participación política e literaria, enfermidade…

Unha visión significativa e nova sobre Manuel Antonio.”

 

 

 

 

CREACIÓN LITERARIA

Polos membros do xurado analízanse unha e cada unha das obras que se incluíron no campo de Creación Literaria.

O xurado, despois dun intenso debate dada a calidade das obras presentadas decidiu por maioría conceder o premio a seguinte obra:

 

“TERRADENTRO”

Autor: Xosé Benito Reza

Editorial: Xerais

Xustificación:

“Esta obra, escrita nun galego de grande riqueza, e cunha firme raíz, ou variante lingüística ourensá, achéganos a un mundo a piques de desaparecer, con personaxes moi ben trabados e construídos, especialmente o avogado da vila, un arquetipo de Galicia interior que, por diversas circunstancias,  vai ter que se enfrontar a tres misteriosos asuntos: A morte violenta dun vedraio fidalgo na súa casa, a busca da fronteira dos tesouros do que falan as lendas, tesouros soterrados dos mouros e unha inesperada aparición que conmociona a vila: a cadela do alcalde un bo día aparece pintada de verde.

A perda do equilibrio e da perfecta simbiose do pasado, xunto coa recreación e a evocación da paisaxe determinan un ritmo áxil e atractivo. En definitiva, Terradentro recolle o mellor da narrativa galega do pasado, en concreto a descrición dos lugares e dos accidentes xeográficos, introducindo novidosos elementos de avangarda que fan da novela o retrato literaturizado da realidade da Galicia interior.”

Non habendo máis asuntos dos que tratar, levantase a sesión da orde da presidencia sendo as doce horas e cincuenta e cinco minutos do expresado día do que o secretario certifica.

 

A entrega do premio será o vindeiro 9 de xuño, en Moldes.