O vindeiro 30 de maio de 2026, Pazos de Arenteiro volverá converterse nun escenario vivo da historia coa celebración dunha nova edición de “1809. A Batalla”, unha recreación histórica que lembra os feitos acontecidos durante a Guerra da Independencia, cando trescentos galegos liderados polo capitán Cachamuíña se enfrontaron ás tropas napoleónicas no contorno da Ponte da Cruz, convertendo o Ribeiro nun dos escenarios destacados do devir histórico europeo.

A xornada desenvolverase ao longo de todo o día, a partir das 11:00 horas, cun amplo programa de actividades para todos os públicos. Haberá visitas guiadas para coñecer a historia do pobo de Pazos de Arenteiro, apertura do recuncho infantil, mercado artesán, obradoiros de Artesanía de Galicia, campamento francés, animación musical, maxia familiar e diferentes recreacións teatralizadas polas rúas do pobo.

Durante a mañá poderanse vivir escenas como “A guerra paga a guerra” ou “Vive l’Empire”, ademais de propostas musicais e actividades para a cativada. Xa pola tarde, o programa continuará coa Hora do Xantar, a animación musical con Feitizo de Pau, novos obradoiros de Artesanía de Galicia, demostracións de loita de espadas e recreacións como “Barbeiro á forza”, “O pan é do pobo”, “O fusilamento de Don Xosé”, “O enfrontamento de Dona Hipólita” ou “Arenga de Xoana”.

O momento central da xornada chegará ás 20:30 horas coa representación de “A Gran Batalla. Ponte sobre o río Avia”, unha recreación teatralizada que volverá encher de emoción, historia e identidade un dos enclaves máis singulares do noso concello. Despois, a programación continuará con novas escenas teatralizadas, a hora da Cea e o concerto do grupo Feitizo de Pau, previsto para as 22:00 horas.

Desde o Concello de Boborás convidamos a toda a veciñanza e visitantes a achegarse a Pazos de Arenteiro para desfrutar dunha xornada única, na que patrimonio, cultura, historia, artesanía, música e tradición se unen nun marco incomparable.

A historia séntese. A historia vívese.
Pazos de Arenteiro agárdate o 30 de maio.

A continuación pódense consultar o cartaz oficial e o programa completo de actividades.

 

cartaza 1809 A Batalla 2026

programa 1809 A Batalla 2026